Denominación de orixe

QUEIXO TETILLA

Galicia é terra gandeira e láctea. Un país e unha paisaxe que son berce de extraordinarios queixos elaborados en aldeas desde os tempos máis remotos, aproveitando enormes pastos e selectos gandos. Esta tradición produce marabillas como o Queixo Tetilla D.O.P., orgullo para a terra que soubo crealo e telo coma un alimento básico e exquisito, que transmitiu de xeración en xeración o segredo do seu bo facer. Hoxe en día as maneiras artesás continúan presentes, ademais de todas as garantías que o actual mundo da alimentación esixe. A imaxe e presenza tan característica do Queixo Tetilla D.O.P. e o seu especial sabor configúranse como unha das apostas máis orixinais do Sector Lácteo Galego.

Co fin de controlar e protexer a produción do Queixo Tetilla D.O.P. e manter as tradicionais características que fixeron del un dos produtos máis emblemáticos de Galicia, a Xunta de Galicia inicia os trámites para a obtención da Denominación de Orixe QueixoTetilla, cuxo regulamento se aproba en 1993 por orde da Consellaría de Agricultura, Gandaría e Montes e ratificado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. En 1996 outórgaselle a protección europea.

ARZÚA-ULLOA

O queixo amparado pola D.O.P. Arzúa-Ulloa elabórase con leite de vaca natural e enteira, crúa ou pasteurizada, procedente das razas: rubia galega, frisona, pardo-alpina e os seus cruzamentos.

Este leite non poderá conter calostros, conservantes, inhibidores ou produtos medicamentosos que poidan incidir na elaboración, maduración e conservación do queixo. Na súa composición cumpriranse os parámetros legalmente establecidos, co que é, en calquera caso, un leite natural íntegro.

A zona de produción, tanto do leite coma dos queixos, comprende os concellos das comarcas de Arzúa, Melide, A Ulloa e Chantada, ademais doutros limítrofes, de xeito que a área delimitada sitúase no corazón de Galicia.